A Feira de Oportunidades desembarca na Praza Maior

Será os vindeiros 25 e 26 de febreiro e busca seguir apoiando ao pequeno comercio e á hostalaría ponteareá. Haberá inchábeis, animación musical e moitas sorpresas

A Feira de Oportunidades desembarca na Praza MaiorConcello e Banastra unen unha vez máis forzas para apoiar ao comercio local de Ponteareas. A Praza Maior acolle esta fin de semana unha nova edición da Feira de Oportunidades, unha gran festa aberta a toda a veciñanza na que o pequeno comercio e a hostalaría ponteareá serán de novo os grandes protagonistas. Terá lugar o sábado 25 de 10.00 a 20.30 horas e o domingo 26 de febreiro de 11.00 a 20.00 horas e o público, ademais de atopar as mellores ofertas da tempada en distintos artigos, poderá gozar de animación musical, actividades infantís e moitas sorpresas.

Dentro da carpa da feira haberá para os máis pequenos e pequenas inchábeis o sábado de 16.00 a 20.00 h e o domingo de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, aos que se poderá acceder comprando un ticket na propia carpa que terá un custo dun euro por viaxe. Ademais, este ano por primeira vez habilitarase un tren que fará un pequeno percorrido pola rúa.

Ao longo dos dous días a feira contará con servizo de cafetería e animación musical a cargo dun DJ. O domingo será a xornada máis musical coa actuación do cantante Edgar Cuerdo de 18.00 a 19.30 horas. Esta nova edición da Feira das Oportunidades rematará co sorteo dunha cesta de produtos gourmet e dous xamóns o domingo ás 20.00 horas.

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, agradece a implicación a todo o comercio local e anima “a todas e todos os ponteareáns a achegarse á feira para apoiar ao pequeno comercio e á hostalaría, ao tempo que goza dunha fin de semana festiva e única na nosa vila”. Pola súa banda, a presidenta de Banastra, Pilar Carrera, convida a todas as persoas “a desfrutar deste evento que dende o comercio preparamos con tanta ilusión e que vai encher as rúas de Ponteareas de moita animación”.