A Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas desvela o amplo abano de opcións formativas de Ponteareas e comarca

O Concello organiza a quinta edición da feira, que se celebra os días 7 e 8 de febreiro no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino

A Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas desvela o amplo abano de opcións formativas de Ponteareas e comarcaA Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas celebra este ano a súa quinta edición consagrada como unha cita indispensable para dar a coñecer ao alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato o amplo abano de opcións formativas que ten ao seu alcance na vila e na comarca. O Concello organiza este novo encontro que se celebra os días 7 e 8 de febreiro no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino, “unha feira pioneira que xa é considerada polos centros educativos que expoñen cada ano unha das mellores, competindo sen dúbida coas grandes citas que se celebran en Vigo e Pontevedra”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández.

Arredor de vinte centros educativos e formativos de Ponteareas e de concellos da comarca achegarán ao alumnado información sobre as modalidades que imparten e demostracións prácticas do traballo que realizan dentro do seu currículo educativo, un verdadeiro escaparate da oferta de ensinanzas profesionais para que alumnado e público xeral poidan coñecer de primeira man e da forma máis completa posíbel as materias que se imparten e os diferentes perfís profesionais.

E farano dun xeito diferencial e personalizada. “Queremos asesorar aos rapaces e rapazas do mellor xeito, por iso irán en grupos de 10 a 15 alumnos e alumnas guiados por persoal especializado que afondarán en cada un dos estudos que se ofrecen nos diferentes stands. E iso fai que o estudantado coñeza opcións e abran a mente a novas carreiras formativas que doutro xeito pasarían desapercibidas”, sinala a rexedora.

O Concello realiza cada ano un grande esforzo por ofrecer este escaparate da formación actual a rapaces e rapazas sen que teñan que desprazarse a outras cidades. Este ano entre as especialidades presentes estarán a de ilustración, deseño, auxiliar de voo, administración, panadería e repostería, finanzas, agraria, industria alimentaria, seguridade e medio ambiente, fabricación mecánica, enerxía e auga, transporte e mantemento de vehículos, música, imaxe e son, comercio internacional, publicidade, transporte e loxística, promoción e igualdade de xénero, artes plásticas, xoiaría, educación infantil, animación socio-deportiva, automoción, electricidade, informática, desenvolvemento de aplicacións webs, sanidade, electrónica, soldadura, carpintaría, idiomas ou artes escénicas. O Garaxe Hermético, tamén terá o seu espazo, berce de grandes artistas de Ponteareas como Pablo Prado, Anémona de Río ou Sergio de Arcos.

A alcaldesa, e responsable da concellaría de Educación, lembra á veciñanza que a feira estará aberta ao público xeral de balde o martes pola tarde, de 16.00 a 18.30 horas para que “todos os rapaces, rapazas e familias poidan asistir e tratar de atopar novas oportunidades de formación e profesionais”. Fernández Davila agradece ademais o traballo de todos os centros formativos que expoñen na quinta edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas, así como de todos aqueles que durante estes dous días apostan por visitala co seu alumnado.