A FANPO convoca unha manifestación en defensa do ensino no rural este venres día 21 ás 20 horas

As nais e pais da escola unitaria de San Mateo, pertencente ao Centro Rural Agrupado A Picaraña, e a FANPO convocan unha manifestación para o vindeiro venres día 21 ás 20 horas dende a Praza Bugallal.

Ademais, instan a todas as familias a que, como mostra de protesta e apoio ao ensino no rural, non leven aos seus fillos e fillas de infantil e primaria aos colexios. 

A petición das nais e pais a concellería de Ensino e a concellería de Cultura do concello de Ponteareas porán os medios axeitados para que as familias poidan deixar aos nenos e ás nenas nesa xornada de reivindicación e así poder conciliar a vida laboral e familiar. Como en outras ocasións, contarase coas instalacións da biblioteca e museo para realizar durante a mañá distintas actividades lúdicas e culturais. 

As familias de San Mateo, apoiadas pola FANPO e pola ANPA Xuntanza, piden o apoio do resto da comunidade educativa non só de Ponteareas se non tamén do resto dos concellos das comarcas do Condado e da Paradanta que tamén están afectadas por distintos recortes na calidade do ensino dos seus centros escolares.

As nais e pais de San Mateo defenderán o dereito ao ensino no rural como primeiro servizo básico para que non se produza maior despoboación. 

Esta mesma fin de semana tiveron a ocasión de trasladar ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o seu malestar e a súa intención de seguir loitando pola permanencia da súa escola unitaria que xa conta co mínimo de alumnado matriculado e co compromiso de moitas familias de matricular no vindeiro curso 2019/2020 aos seus fillos e fillas que comezan a súa andaina na ensinanza.