A Facultade Ágora aplaude o modelo de Ponteareas, que acadou en tres anos 40.000 m2 de espazo público para as persoas

A Facultade Ágora aplaude o modelo de Ponteareas, que acadou en tres anos 40.000 m2 de espazo público para as persoas

A vila foi escenario do último dos talleres de traballo da Deputación neste 2022, cos que se pretende formar a representantes políticos e técnicos sobre como recuperar o espazo público e fomentar as mobilidades activas

Os ‘Obradoiros’ da Facultade Ágora remataron hoxe en Ponteareas cun aplauso xeral ao modelo da vila implantado dende a chegada do actual goberno local, que permitiu aumentar a calidade de vida da veciñanza e que gañou, só nos últimos tres anos, 40.000 metros cadrados de espazo público para as persoas retirándollelo aos coches.

A vila do Condado foi escenario do último dos talleres de traballo da Deputación neste 2022 que pretenden formar a representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia sobre como recuperar o espazo público e fomentar as mobilidades activas. Segundo subliñou o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, Ponteareas é un referente de como se deben facer as cousas recuperando a vila para a xente desenvolvendo unha filosofía que é unha “onda imparable”  a nivel mundial, unha afirmación que tamén corroborou a enxeñeira civil portuguesa Paula Teles, quen participou no taller como observadora externa.

O nacionalista destacou que o traballo feito en Ponteareas “é dunha especial satisfacción” porque foi o concello co que a Deputación iniciou tamén o seu cambio de modelo para fomentar a mobilidade natural fronte á motorizada. “Hoxe a vila ten un proxecto claro e é un entusiasta participante da Rede Ágora de Concellos polo espazo público”, destacou.

A alcaldesa Cristina Fernández, pola súa banda, explicou ás persoas participantes ao taller (persoal de varios concellos da provincia, dos colexios de Arquitectura e Enxeñería así como de empresas de consultoría en mobilidade) que o goberno de Ponteareas, dende 2015, sempre tivo claro que era preciso construír unha vila máis amábel.

Destacou que os primeiros anos de goberno se centraron en preparar documentación e construír estratexia e que, a partir de 2019, xa comezaron a executarse obras e melloras. “Tiñamos claras as ideas. A nosa acción de goberno fíxose para transformar Ponteareas de maneira integral. Fixemos unha aposta valente e acertamos nas decisións duras”, salientou, facendo unha lembranza e recoñecemento ao traballo co falecido xefe da Policía Local Benigno Moldes.

Fernández quixo agradecer á Deputación as súas achegas. Salientou que o goberno provincial tivo un “papel esencial” no cambio da vila, xa que achegou fondos, ideas e asesoramento para levar adiante a reforma urbana. Subliñou as subvencións para realizar o plan de mobilidade, o PMUS, os proxectos de sete rúas que conectan coa praza Bugallal, os fondos do ReacPON para a execución dun camiño escolar seguro ou os convenios e proxectos para outras moitas actuacións.

O primeiro tenente de alcalde Roberto Mera completou os datos achegados pola alcaldesa, detacando que a recuperación de espazo público entre 2000 e 2019 supuxo gañar ao coches 5.500 metros cadrados para as persoas, unha cifra que se multiplicou por oito nos últimos tres anos (2019-2022), chegando ata os 40.000 m2 actuais. Desas superficies, explicou o concelleiro, preto de 34.000 metros foron grazas a peonalizacións, e outros 6.000 debido á ampliación de itinerarios peonís. Agora mesmo, con execución a futuro medio prazo, sinalou que hai proxectos que permitirán recuperar outros 12.300 metros cadrados para a veciñanza.