A escritora e poeta Isabel Blanco abríu co seu pregón a II Feira do Libro de Ponteareas

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, acompañado do secretario Xeral da Consellería de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Nani Regueira e Antón Pedreira da Federación de Libreiros de Galicia inauguraron onte a II Feira do Libro de Ponteareas.

A poeta e escritora Isabel Blanco foi a encargada da lectura do pregón facendo un percorrido pola importancia da literatura a nivel universal atar recalar na necesidade de recoñecer as producións creativas dos escritores e escritoras locais. 

A continuación tivo lugar a actuación de Miguel Alonso, escritor e cantante que está preparando un novo disco baseado en poemas de autores galegos contemporáneos facendo que os asistentes tiveran o privilexio de escoitar algúns dos temas que irán no disco que sairá á luz o vindeiro mes de outubro. 

O Alcalde de Ponteareas e a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, salientan o éxito da primeira edición na que ao igual que este ano houbo actividades para todas as idades.

“Facer ao público partícipe e que teña un papel activo foi un dos obxectivos da programación que tamén busca destacar a importancia das librerias e creadores locais apoiados por todo o conxunto de Libreiros e autores de toda Galicia que participan na feira”.

De 12 a 14 horas e de 18 a 22 horas, agás o sábado que abre unha hora antes, poderemos participar en visitas guiadas para nenos e nenas da man de Aladino e a lámpada máxica, sinaturas de libros como a de Finy Sesmonde, presentacións de libros como o de Iago López co seu “O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas” ou a de Kiko da Silva que sae do seu garaxe hermético para presentar “O picoto do pai”, unha novela gráfica creada polo alumnado do seu taller…

Ata Ponteareas tamén se achegarán para asinar e presentar as súas obras J.M Ledo, Marta Dacosta, Luz Beloso, D´Angelo, Ramón Nicolás, Roi Vidal e Manoel da Costa Pardo, entre outros escritores.

Actuacións musicais e visitas guiadas polo roteiro guiado por “Seraogna, a terra de Pexegueiro”, completan o programa de actividades.