A décima edición do Festival Groba chegou ao seu ecuador coa estrea absoluta dunha nova obra do Mestre

O Festival Groba, que se celebra até o 19 de agosto en Ponteareas, sobresae polo nivel das actuacións e pola grande acollida do público

O Festival Groba reúne estes días en Ponteareas a destacados artistas de prestixio internacional para celebrar o décimo aniversario dun encontro musical, artístico e formativo organizado en torno á figura e obra do compositor Rogelio Groba Groba, o máis prolífico e influínte dos autores galegos, aínda en activo aos seus noventa e dous anos.

Cunha programación acorde á data que celebra, o Festival Groba está a colleitar un grande éxito de participación: todos os concertos son gratuítos, con entrada libre ata completar aforo.

Este martes, no ecuador do Festival, o concerto estivo dedicado a Xosé Represas e supuxo a estrea absoluta dunha nova peza do mestre Groba, titulada Danzas Antigas. A súa interpretación por parte da Orquestra de Cámara Galega fixo vivir ao público un dos momentos máis emotivos do que vai de festival, tras as alusións do director ao ex alcalde de Ponteareas e o prolongado aplauso do público asistente.

Tras a entrega do II Premio da Excelencia na Docencia Musical, do concerto para piano, para trío de cordas e da actuación de Erinys Quartet, a Orquestra de Cámara Galega volverá entrar en escena o vindeiro venres, na que será a clausura do Festival. No concerto, que terá lugar ás 21 horas no Parque da Feira Vella, interpretarán pezas de Vivaldi, Grudman e do Mestre Groba.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, agradece á veciñanza a súa gran participación nos primeiros días do festival e convida “a todas e todos os ponteareáns a que sigan desfrutando de toda a programación porque esta décima edición supón un salto de calidade que permite non só celebrar a música, senón tamén, pór en valor a obra do mestre Groba”.