A corporación aproba abrir unha nova etapa de diálogo con FCC

A proposta do goberno foi aprobada por maioría e permitirá paralizar as sentenzas por xuros de demora que pesan contra o Concello

Q55A6590O pleno extraordinario da corporación ponteareá celebrado o 2 de marzo permitiu aprobar por maioría (11 votos a favor de BNG, PSdeG, A Riada do Tea e EU-Son; 6 votos en contra do PP) unha proposta do goberno municipal pola que se abre unha nova etapa de diálogo, que terá unha duración de 6 meses, coa empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, FCC.

Este acordo implica a posta en marcha dun proceso de negociación entre o consistorio e a compañía para solucionar todos os problemas xurdidos entre ámbalas dúas partes ao longo dos últimos anos, atopando un encaixe legal satisfactorio para as dúas partes que permita non xudicializar a relación entre as dúas entidades.

A apertura deste proceso de diálogo significa que a empresa concesionaria solicitará a paralización das sentenzas nas que se obriga ao Concello de Ponteareas ao pagamento de máis de 300.000 euros en concepto de xuros de demora mentres o período de negociación estea vixente.

Asemade, o consistorio, trala aprobación desta proposta no pleno, comprométese a non executar, durante o tempo que duren as devanditas negociacións, o acordo plenario acadado no mes de decembro de 2014 respecto á actualización dos prezos do contrato para o ano 2011. A suba do contrato do servizo de recollida de lixo foi asumida no seu momento polo anterior alcalde, Salvador González Solla, coa súa sinatura no convenio colectivo coa empresa e os traballadores para os anos 2008, 2009, 2010 e 2011.
“Agora”, explica o rexedor ponteareán Xosé Represas, “trátase de abrir unha nova etapa de diálogo cunha empresa que presta un servizo absolutamente primordial para a cidadanía, que ten un contrato en vigor que debemos respectar e coa que queremos manter unha boa relación”.

Ademais, “non queremos que sexa un proceso no que participe soamente o goberno”, asegurou Represas, “polo que a comisión do Concello que negocie coa empresa contará con representantes de todos os grupos que forman a corporación, de xeito que o acordo acadado coa empresa poida contar co apoio e co respaldo de todos”.

Proxectos de obras aprobados

Esta sesión plenaria tamén serviu para aprobar un total de 15 proxectos de obras, que suman un investimento de 643.299 euros e que permitirán levar a cabo, ao longo deste ano 2016, obras de mellora en seguridade viaria, de saneamento, de abastecemento de auga, de pavimentación de varios camiños e de melloramento dalgunhas dependencias de instalacións municipais como a Escola Infantil e o Conservatorio.

Ademais, a esta inversión haille que sumar, tal e como se informou esta semana, o proxecto de humanización do Paseo Matutino, que ascende a case 200.000 euros e que foi aprobado pola anterior corporación local, no mes de decembro do ano 2014.

Aquí e aquí é posible consultar en detalle os proxectos destas obras.