A concellería de Vías e Obras procedeu á substitución e reparación do alumeado público en Canedo

A concellería de Vías e Obras que dirixe Chus Garrote supervisou as obras de reparación e substitución de alumeado en Canedo.

Estas obras financiadas con fondos propios tiveron un custo total de 7.953,33€ (ive incluído) e permitiron o arranxo de luminarias que se atopaban en mal estado, sendo esta unha zona de moito tránsito de vehículos e peóns.

En concreto, colocáronse 39 novas lámpadas e substituironse 19 luminarias cos seus respectivos portalámpadas. Ademais tamén se substituiron oito columnas galvanizadas e se realizou a revisión da toma de terra xeral, así como medicións de illamento.

Este investimento non só contribúe a mellorar o aforro enerxético e a reducir as emisións de CO2 se non tamén a incrementar a seguridade na estrada ao haber maior luminosidade.

Ademais, a concellería tamén acometeu obras de limpeza de sumidoiros e cunetas traballando de xeito transversal coa concellería de Medio Ambiente que dirixe Rosa Covelo nas tarefas de desbroce da zona.