A concellería de Mocidade informa das axudas do Programa Iniciativa Xove

Promovidas pola Consellería de Política Social, poderanse solicitar até o vindeiro 3 de abril

 

iniciativaxoveA concellería de Mocidade xestionada por Verónica Carrera vén de informar da posibilidade de solicitar as axudas enmarcadas no Programa Iniciativa Xove, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e consistente nunha liña de axudas pensada para que os mozos e mozas poidan desenvolver ideas que, transformadas en proxectos e iniciativas de interese, poidan reverter na mocidade actual e na sociedade en xeral.

 

Quen pode solicitar as axudas?

 

– Os grupos informais de mozos e mozas que queiran desenvolver un proxecto de iniciativa xuvenil. O grupo terá que estar formado por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos no momento de presentar a solicitude e ademais deberán de estar empadroados nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

 

– As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman. Será necesario que estean inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

 

Como se poden solicitar?

 

As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico da persoa representante ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia. É posible solicitar máis información a través do número de teléfono 981 544 866 ou no enderezo electrónico institutoxuventude.ctb@xunta.es. O prazo remata para presentar as solicitudes remata o vindeiro 3 de abril.

 

Contía das axudas

 

Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 €. Non se admitirán a trámite as solicitudes de axudas para proxectos cuxo orzamento sexa superior á citada contía. Financiarase o cento por cento do proxecto presentado, polo que a contía máxima da axuda concedida será de 5.000 euros.