A concellería de Medio Ambiente procede á retirada dun vertedoiro incontrolado en Xinzo

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, pide a colaboración da cidadanía para conseguir unha vila máis limpa e rematar coa estampa dos enseres abandonados na contorna dos colectores de lixo fóra do día sinalado para a recollida.

Ademais informa que, nestes días, se procedeu á retirada dun vertedoiro incontrolado no barrio de Confurco en Xinzo, “a cidadanía non precisa verter na vía pública porque para iso dispón dun servizo gratuíto de recollida e dun punto limpo cun amplo horario. A día de hoxe cos servizos de recollida e tratamento de lixo dos que dispón a cidadanía, non se poden consentir estas actitudes incívicas ”.

Rosa Covelo lembra que os venres a primeira hora da mañá o servizo de recollida de enseres atende á demanda da veciñanza polo que os obxectos non deben ser depositados xunto aos contedores antes dos xoves ás 21 horas.

O servizo de recollida de enseres é totalmente de balde e ofrécese de xeito semanal tan só tendo que chamar ao teléfono 986 640 307.

A concelleira solicita tamén a colaboración da cidadanía para a denuncia deste tipo de actitudes que afectan á boa convivencia e atacan ao medio ambiente.