A concellería de Hostalería aplicará a ordenanza municipal de instalación de terrazas con máximo rigor

Mario Lago, responsable desta área de goberno, reuniuse cos hostaleiros da vila para comunicarlles a intención de respectar a normativa vixente en cuestións relativas á limpeza da vía pública e ao horario de recollida dos materiais

Aqueles locais que teñan instalada unha terraza sen a licenza municipal correspondente, aínda que estiveran aboando a taxa pertinente, estarán obrigados a retirala

A actual concellería de Hostalería lamenta que teña que poñer orde nunha materia que xa debería estar regulada polo anterior goberno local, o cal é responsable da situación actual

O encontro tamén serviu para falar de colaboracións futuras e da pretensión por parte do concelleiro de harmonizar a estética das diferentes terrazas

hostaleiros-terrazas-1A concellería de Comercio e Hostalería do Concello de Ponteareas, xestionada por Mario Lago, aplicará, con máximo rigor, a ordenanza municipal que especifica a normativa a seguir para a instalación de mesas, cadeiras e terrazas na vía pública por parte dos locais hostaleiros da vila.

Esa foi a mensaxe que o concelleiro quixo trasladar na reunión que vén de manter cos propios hostaleiros no Salón de Plenos da Casa do Concello. Lago lembrou algunhas das liñas básicas desta ordenanza, na que se detallan os horarios de peche das terrazas (ás 01:30 horas os días de semana e ás 02:30 horas as fines de semana, véspera de festivos e festivos); a obriga de recoller  todo o material utilizado na vía pública despois dos citados horarios (salvo que a licenza conteña algún permiso explícito); a obriga de respectar o número de cadeiras e mesas especificadas na licenza; e a obriga de non instalar máis materiais na vía pública dos que tamén figuran concretados nas respectivas licenzas municipais.

A ordenanza municipal referente á instalación de terrazas na vía pública, vixente dende o ano 2012, pódese consultar na web oficial do Concello de Ponteareas (www.ponteareas.gal). É posible acceder a ela a través dun apartado denominado “Ordenanzas e Regulamentos” que figura na portada da propia web.

O edil de Hostalería tamén quixo recordar que todos aqueles locais que teñan instalada unha terraza no municipio sen a licenza municipal correspondente, deberán retirala. Isto será aplicable tamén a aqueles locais que, sen ter a licenza municipal, si estaban aboando a taxa pertinente para obter o permiso de instalación. O cobro por parte do Concello dunha taxa municipal por terraza a aqueles locais que carezan de licenza supón unha ilegalidade na que este goberno municipal non vai incorrer. Dende a concellería de Comercio e Hostalería laméntase que esta práctica se viñera realizando durante os últimos anos no concello e existe unha gran sorpresa pola falta de control nas terrazas existente na anterior lexislatura, pero neste momento o novo executivo local ten a responsabilidade poñer orde a unha situación de irregularidade.

Mario Lago aproveitou a xuntanza para escoitar a opinión dos profesionais do sector presentes e para expresarlles que este proceso de regularización se fará tentando prexudicar o menos posible aos locais da vila e poñendo a disposición todas as axudas pertinentes para que aqueles establecementos que dispoñan dunha terraza en situación irregular poidan cumprir a normativa vixente nun curto prazo.

O concelleiro manifestou a intención de facilitar todo o que poida o labor deste sector, promovendo actividades culturais e deportivas que vaian en favor dos seus negocios, harmonizando a estética das terrazas en función da zona na que estean situadas e analizando a modificación do regulamento para establecer unha diferenciación nas taxas aplicadas ás terrazas en función da época do ano.