A Concellería de Deportes trae de novo o piragüismo a Ponteareas

O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, recibíu ao presidente da Federación Galega de Piragüismo (FEGAPI), Alfredo Bea, e ao presidente do Club Tea, Manuel Freiría, para presentar aos medios de comunicación a 3ª proba da Liga Galega de Promoción de Slalom Olímpico, evento deportivo que terá lugar este domingo día 17 a partir das once horas da mañá na Freixa.

Na competición danse cita cinco clubs de Slalom das categorías infantil, alevín e benxamín. Máis de cen participantes de entre sete e trece anos desfrutarán do slalom en Ponteareas, un feito que dende o inicio do mandato estaba na axenda do concelleiro de Deportes que adianta que “é unha satisfacción recuperar o piragüismo en Ponteareas”.

Benito Márquez, edil de Deportes de Ponteareas, quixo sinalar a importancia deste evento. “Fai xa moito tempo que Ponteareas non conta cunha competición de piragüismo, e xa iba sendo hora. Dende a concellería de Deportes sostemos a importancia de dinamizar o río Tea co desenvolvemento de probas deportivas. De feito, non fai moito, celebramos en colaboración co Club Natación Ponteareas o Campionato Galego de Augas Abertas, agora celebramos esta outra proba de piragüismo, e en agosto celebraremos un ano máis a Travesía a Nado en colaboración tamén co clube de natación ponteareán”.

O presidente da FEGAPI, Alfredo Bea, destacou que o slalom galego xa ten cinco deportistas que compiten a nivel internacional e sinalou que en Galicia existen cinco clubs que suman o 33% dos clubs totais existentes en España, que suma un total de quince clubs. Bea tamén salientou que hai tres xuvenís galegos no campionato do mundo posicionándose o piragüismo como o deporte “rei” en Galicia donde despuntan, cada día máis, os deportes náuticos. 

Pola súa parte, Manuel Freiría, presidente do Club Tea de Piragüismo, agradeceu a colaboración da Concellería de Deportes e o apoio da Federación e convidou a toda a veciñanza a asistir á proba e apoiar aos deportistas de todos os clubs.