O martes día 15 ás 17:30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal
A concellería de Consumo, que dirixe a tenente de alcalde Cristina Fernández, a través da Oficina do Consumidor (OMIC), organiza unha charla sobre produtos financeiros co obxectivo de ofrecer información e evitar posibles incidencias á hora de contratar produtos bancarios.
Con motivo do día da educación financeira, 5 de outubro, dende a OMIC queren concienciar a todos e a todas da importancia de ter coñecementos básicos en temas de finanzas (hipotecas, tarxetas, inversións) para mellorar a nosa relación coas entidades financeiras.
Deste xeito o vindeiro martes 15 de outubro ás 17:30 horas a concellería de Consumo ofrece a charla “Información sobre produtos financeiros” impartida por ADICAE (Asociación de Impositores e Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros) enmarcada no plan de educación financeira avalado pola Comisión Internacional do Mercado de Valores (CNMV) e o Banco de España.
Na sala multiúsos do auditorio municipal explicarase que é unha cláusula suelo, que son os gastos hipotecarios ou o IRPH, ademais dos nosos dereitos e dos nosos deberes e obrigas cando contratamos determinados produtos.
A concellería de Consumo ofrecerá totalmente de balde esta charla na que adquirir coñecementos que nos permitan negociar mellor e entender con claridade os termos financeiros máis básicos.