A concelleira de Benestar Social aclara que non existe ningunha contratación privada do servizo de cociña da residencia e esixe ao PP unha rectificación pública

O Concello de Ponteareas, a través da concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, tachou de “disparate” as acusacións do PP de privatización do servizo de cociña da Residencia de Maiores.

A edil nacionalista explicou que non existe ningunha contratación privada de tal servizo que se presta e sigue prestando con persoal municipal. Carrera aclarou que recentemente a Residencia se veu obrigada a contratar dúas ceas e dúas comidas para os residentes ao non contar dous días co persoal necesario por vacacións e descansos e non haber persoas dispoñibeis na lista de substitucións.

A concelleira animou a Belén Villar a informarse mellor para non facer o ridículo e esixíulle unha “rectificación pública” e que aclare a qué amizade se refire cando fala, con falsidades e covardía, de “empresas amigas”.