A Concellaría de Mobilidade e Tráfico regula o acceso ás rúas peonís da Esperanza e A Arxentina

A Concellaría de Mobilidade e Tráfico puxo en marcha a regulación do acceso ás rúas peonís da Esperanza e A Arxentina. Nos últimos días repartiuse información a todas as persoas residentes e comerciantes das dúas rúas,explicando de forma detallada quen pode acceder con vehículo a esas rúas, en que supostos e en que condicións de circulación e parada. Segundo explica o edil de Mobilidade, Roberto Mera, “até agora non existía unha regulación clara o que xeraba inseguridade xurídica. Coa nova regulación, poñemos claridade e garántese o acceso daqueles vehículos que realmente teñen necesidade de entrar nesas rúas peonís”.

 

Ademais da nova regulación, instalouse sinalización e modificouse o itinerario de acceso de maneira que agora os vehículos autorizados deberán entrar por República Arxentina e saír por Esperanza, ao contrario de como se viña facendo até agora. Durante as feiras e mercados estarán autorizados a entrar pola rúa Baratillo accedendo por Esperanza.

 

Coa nova regulación poderán acceder a estas rúas os/as residentes sen garaxe para a carga e descarga de vultos, as persoas usuarias de garaxes para acceder eles, os titulares de actividades comerciais para cargas e descargas e os vehículos destinados a recoller ou deixar persoas con mobilidade reducida. Todas elas/eles deberán dispoñer da correspondente tarxeta de autorización, que poden tramitar no Concello a través da Oficina da Policía Local, utilizando o formulario dispoñíbel na web municipal. Ademais, tamén poderán acceder a estas rúas os/as repartidores/as e mensaxeiros/as, os taxis para recoller ou deixar usuarios/as e os servizos de emerxencia e municipais.

 

Nas rúas peonís non existen zonas de estacionamento polo que todas as persoas que accedan poderán realizar unha parada polo tempo imprescindíbel diante do seu destino e non máis de 15 minutos. Cando fora preciso por máis tempo deberán solicitalo á Policía Local.

 

Segundo Roberto Mera, “esta regulación diferencia o tráfico de necesidade do tráfico de comodidade, de maneira que se autoriza a entrada nunha rúa peonil cando é imprescindíbel facelo cun coche e non existe outra alternativa”. Os vehículos deberán circular a 10 km/h, dar preferencia aos peóns e ciclistas e separarse deles alomenos 1,5 metros. Para calquera aclaración o Concello pon a disposición da veciñanza o teléfono 986640050 da Policía Local e o correo mobilidade@ponteareas.gal