A Clásica Álvaro Pino presenta o seu maillot oficial

A Clásica Álvaro Pino presenta o seu maillot oficial

 

A carreira terá lugar o vindeiro 3 de outubro no Condado Paradanta. O maillot que recibirán todas as persoas participantes na marcha está inspirado no deseño da camiseta do equipo ZOR BH coa que Álvaro Pino gañou a Volta a España en 1986

 

A Clásica Álvaro Pino, que se celebra o vindeiro 3 de outubro en Ponteareas, presentou esta fin de semana o maillot oficial dunha edición moi especial, xa que volve tras cinco anos sen celebrarse, e que se levará a cabo con medidas hixiénicas especiais para evitar o risco de contaxio do coronavirus.

 

A Clásica Álvaro Pino presenta o seu maillot oficialO acto de presentación tivo lugar na Franqueira (A Cañiza) e contou coa presenza do ex corredor Álvaro Pino e algunhas autoridades institucionais, como o concelleiro de Deportes de Ponteareas, Miguel Bouzó; Gorka Gómez, concelleiro de Educación e deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra; Francisco González, do GDR Condado Paradanta; e o alcalde da Cañiza, Luis Piña. Ao acto tamén asistiu o ciclista Borja Gómez, así como algúns dos patrocinadores principais da marcha.

 

O maillot oficial, elaborado pola marca Pacto, que se entregará a todas as persoas participantes este ano, está inspirado no deseño co que Álvaro Pino gañou a Volta a España en 1986. Sen deixar de lado as tendencias actuais e cun toque moderno, atopamos na parte superior o logo dos dous patrocinadores principais, Grupo Sestelo e Axa Jos Alfaya, e na parte traseira as institucións principais que colaboran coa marcha cicloturista: Concello de Ponteareas, Deputación de Pontevedra e GDR Condado Paradanta.

 

De igual xeito, a parte inferior do maillot tanto dianteira como traseira baséase nunha serie de liñas horizontais nas que predomina a cor laranxa.

 

Cunha combinación de teas aerodinámicas e técnicas, o modelo Pacto favorece a máxima adaptación ergonómica e unha transporabilidade total para que todas as persoas participantes na marcha poidan desfrutar de cada saída esta tempada. O maillot entregarase ás persoas participantes o día da marcha.

 

A organización confirma a dispoñibilidade das últimas prazas para todas aquelas persoas que aínda desexen inscribirse a través da páxina web oficial.

Esta actividade está financiada ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.