A Clásica Álvaro Pino homenaxeará a Marino Lejarreta

clasica-alvaro-pino-1O próximo 9 de maio celebrarase a Clásica Álvaro Pino, unha marcha ciclista que servirá para render homenaxe ao ex ciclista profesional Marino Lejarreta. A proba empezará na rúa Concha Brey, diante da Casa do Concello de Ponteareas, ás 11 da mañá e percorrerá máis de 10 municipios ao longo de 144 quilómetros.

A carreira, organizada polo Clube Ciclista Álvaro Pino, coa colaboración do Concello de Ponteareas, foi presentada oficialmente esta mañá na Casa do Concello, nun acto que contou coa presenza do alcalde, Salvador González, do concelleiro de Deportes, Alberto Novoa, o ex ciclista ponteareán Álvaro Pino e varios membros da directiva. As inscricións poderanse facer até o día 4 de maio na páxina web www.clasicaalvaropino.es.

Os organizadores, que estiman unha participación de 600 corredores, quixeron salientar a importancia dos patrocinadores no desenvolvemento deste evento: Powerade, Óptima, Club Ciclista La Fuente, Neumáticos As Pombas, Bici O Con, Confitería Ancla, a Deputación de Pontevedra, o Concello de O Porriño e numerosos comercios locais que colaboraron neste evento deportivo.

O día previo á carreira haberá unha mesa redonda co invitado, Marino Lejarreta, ás 20:00 horas diante do Concello. Ademais de Lejarreta, a proba contará coa participación doutros ex ciclistas ilustres como Ezequiel Mosquera. Unha cita que pretende recordar o labor de Álvaro Pino neste deporte e que xa é unha referencia no calendario cicloturista nacional.