A cativada ponse tras os fogóns en Ponteareas coa campaña ‘Quere o teu mercado’

O Concello organiza un obradoiro de cociña infantil de balde o vindeiro sábado 3 de xuño de 11.00 a 12.30 horas. Necesaria inscrición previa

Os nenos e nenas de Ponteareas póñense tras os fogóns ao abeiro da campaña ‘Quere o teu mercado’, unha iniciativa que busca dinamizar os mercados e prazas de abastos, enchéndoos de actividade e de vida e fomentando o consumo de produtos locais entre a veciñanza.

A través desta campaña, o Concello organiza un obradoiro de cociña infantil para cativos e cativas a partir dos 5 anos o vindeiro sábado 3 de xuño, unha actividade que terá lugar de 11.00 a 12.30 horas no mercado municipal de Ponteareas.

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, anima “a todos os pais e nais do concello a que veñan cos seus fillos e fillas a compartir unha mañá diferente no que os máis pequenos e pequenas aprenderan a preparar divertidos pratos e a gozar da cociña”. 

Para participar é necesaria a inscrición previa chamando ao 618 705 635 ou enviando un correo electrónico a auditoriomunicipal@ponteareas.gal.

Por outra banda, como premio á súa fidelidade e compromiso co mercado municipal os consumidores e consumidoras recibirán un agasallo en conmemoración do Día Internacional do Mercado. As persoas que merquen ese día na praza de abastos poden pasar polo local de Banastra a recoller o material promocional.