A cativada aprende divertíndose cos novos obradoiros infantís nas parroquias de Ponteareas

A cativada aprende divertíndose cos novos obradoiros infantís nas parroquias de Ponteareas

Póñense en marcha nos centros culturais de Bugarín e Celeiros

O Concello de Ponteareas pon en marcha dous novos obradoiros infantís nas parroquias da vila, talleres de balde para nenos e nenas de 5 a 12 anos nos que aprender, divertirse e gozar dun tempo de lecer entre rapazada. Estes obradoiros, que terán prazas limitadas, permitirán fomentar a creatividade dos máis pequenos e pequenas a través de diferentes actividades adaptadas ás súas idades.

O Centro Cultural de Bugarín acollerá estes obradoiros os venres a partir deste mesmo 28 de abril, en horario de 16.00 a 17.30 horas. As persoas interesadas en anotar neste taller a un neno ou nena poderán facelo na propia casa cultural ou a través do teléfono 642 732 012.

Pola súa banda, o Centro Cultural de Celeiros realizará estes obradoiros os luns a partir do 8 de maio de 18.00 a 19.30 horas. Neste caso, para participar deben inscribirse aos cativos e cativas nas instalacións da casa cultural.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida aos máis pequenos e pequenas de Ponteareas a participar nestes obradoiros de balde, así como noutros que se vaian desenvolvendo nos diferentes centros e casas culturais das parroquias.