A carreira de orientación recadou fondos para o refuxio de animais Os Biosbardos

O refuxio de animais Os Biosbardos quere agradecer a iniciativa da concellería de Medio Ambiente que dirixe Rosa Covelo, ao organizar a primeira carreira de orientación que recadou fondos para o seu centro.

Máis de setenta persoas desfrutaron desta actividade na que os e as participantes ademais de amosar as súas dotes de orientación tamén deron exemplo de solidariedade ao doar o prezo da inscrición ao refuxio de animais.

Na primeira carreira de orientación, organizada por Toxo Aventura e Natureza, descubríronse recunchos da nosa vila pero tamén se tomou conciencia do respecto aos animais e da gravidade de abandoalos.

Yolanda Romaní, do refuxio Os Biosbardos, destaca a importancia de realizar accións de concienciación e de participación para que toda a cidadanía se implique e teña unha atitude responsible.

A proba comezou cedo, ás 10:30 da mañá e desenvolveuse por toda a zona urbana. Máis de 70 participantes disfrutaron desta “toxoaventura” e aínda que a primeira hora foi unha experiencia pasada por auga, a choiva non evitou que os participantes gozaran deste deporte. A afluencia foi variada pero sobre todo participaron familias con nen@s, sendo o participante máis novo un bebé de 39 días.

O equipo gañador na categoría Toxiño foi “Tartaruguiñas”, mentres que na categoría Toxo foron “Os Toninos” e na categoría Toxeira “Os Morosos”.

A orientación é un deporte pouco coñecido que se practica cun mapa e no que hai que facer un percorrido determinado. A idea é pasar por cada un dos puntos de control indicados no mapa sempre na orde establecida e no menor tempo posible. Existe a posibilidade de ir en grupo (de ata 4 persoas) ou de xeito individual. E ademáis hai tres categorías diferentes para cada proba que fan accesible o deporte a calquer grupo de idade e nivel físico.

Os Biosbardos está aberto a toda a cidadanía que pode participar non só sendo socio se non tamén como fogar acolledor ou voluntario colaborando nas tarefas de limpeza ou de transporte de animais feridos, entre outras achegas. Todas as persoas interesadas poden contactar nos números de teléfono 600 356 891.