A Biblioteca Pública Municipal traballa para abrir con todas as garantías de seguridade

A Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas, dependente da Concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba, está traballando para poder reabrir a súas instalacións con total seguridade.

A biblioteca informa que cando abra as súas portas, inicialmente, será só para realizar as actividades de préstamo e devolución de obras, lectura moi breve en sala para decidir se levamos o libro ou non e información bibliográfica e bibliotecaria. Sen embargo de momento non se poderán levar a cabo actividades culturais, actividades de estudo e lectura prolongada en sala ou de préstamo interbibliotecario.

As obras serán solicitadas polos usuarios/as e proporcionadas polo persoal da biblioteca. Unha vez consultadas, depositaranse nun lugar apartado e separadas entre si durante, polo menos, catorce días. As coleccións en libre acceso permanecerán pechadas ao público. Tamén se poderá establecer a petición ou reserva anticipada das obras.

Recoméndase que os e as usuarias acudan sós ás bibliotecas. Os menores de 14 anos só terán acceso cando estean acompañados por un adulto responsable. As e os usuarios deberán seguir en todo momento as instrucións do persoal.

En canto estea habilitada para abrir ofrecendo todas as medidas de seguridade que obriga a normativa informarase á cidadanía dos horarios e días de apertura.