A biblioteca municipal de Ponteareas agasalla as e os ‘superlectores’

A biblioteca municipal de Ponteareas agasalla as e os ‘superlectores’

O Concello premiou cun lote de libros e marcapáxinas as persoas con maior préstamo de libros durante o 2022. Por primeira vez houbo 5 persoas galardoadas por categoría

A biblioteca municipal de Ponteareas premia un ano máis a todos aqueles veciños e veciñas que empregan con asiduidade o servizo. Coincidindo co Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, entregáronlles os agasallos as socias e socios con máis préstamos durante o 2022 e nomeáronos ‘superlectores’ e ‘superlectoras’, o que lles permitirá levar máis exemplares en préstamo de forma simultánea durante todo este ano. Así, xunto ao lote de libros e marcapáxinas, as gañadoras e gañadores deste ano poderán levar para casa ata oito exemplares á vez, en lugar de cinco como o resto de socios e socias.

Por primeira vez o Concello aumentou o número de persoas premiadas, pasando de tres a cinco os e as galardoadas. Así, na categoría infantil, o gañador foi Iker Saavedra con 125 libros collidos en préstamo o ano pasado. O segundo lugar foi para Sofía López, con 82 préstamos; o terceiro para Adrián García (63 libros), o cuarto para Rocío Fragueiro (52) e o quinto para Cristina Martínez (51).

Pola súa banda, Teresa Ríos, con 85 libros collidos en préstamo durante o 2002 foi a gañadora na categoría de adultos, seguida por María Trinidad Rellán (44 préstamos), Manuel Pino (43), José Manuel Gil (38) e Brais Pino (24).

A entrega de agasallos celebrouse cunha ampla asistencia de público na que participaron premiados e premiadas, acompañantes e autoridades nun ambiente alegre e distendido. Con esta iniciativa o Concello busca render homenaxe a todas as persoas que gozan da biblioteca municipal de Ponteareas, ao tempo que “fomentamos á lectura entre toda a veciñanza e animamos a ponteareás e ponteareáns a desfrutar deste agradable lugar de encontro para toda a sociedade”. Alcaldesa e concelleiro quixeron trasladar ademais os parabéns da Goberno municipal a todas e todos os premiados e convidar a todos os veciños e veciñas a achegarse e coñecer a biblioteca municipal.