A banda de música Unión de Guláns e o grupo de teatro “Todos Xuntos” presentarán o seu novidoso e premiado concerto “Músicos in black”

Será este sábado ás 20:30 horas totalmente de balde no auditorio municipal

A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar da música 100% Ponteareas co novidoso concerto que ofrecerá a Banda de Música Unión de Guláns este sábado día 30 ás 20:30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo.

A histórica banda de Guláns que no 2020 cumprirá 150 anos, aliarase este sábado no escenario co grupo de teatro da súa parroquia “Todos Xuntos” para sorprender ao público cun espectáculo musical teatral e de entrada totalmente de balde.

Baixo título “Músicos in black” a Banda de Música Unión de Guláns e o grupo de teatro “Todos Xuntos” presentarán este ambicioso proxecto que consiste na montaxe, posta en escena e difusión dunha obra de teatro musical. Con guión orixinal e accesible a todo tipo de públicos é unha historia sobre a relevancia que unha banda de música pode ter nunha aldea e o que implica a súa existencia ou non na mesma. A finalidade é amosar unha parte fundamental do movemento cultural en Galicia como son as bandas de música, facendo unha reflexión sobre o importante que é valorar a nosa cultura musical e sobre o que pasaría se a perdésemos.

Este proxecto foi premiado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e a Federación Galega de Bandas de Música Populares por experimentar e innovar un novo escenario cultural con novos xéneros. Conta tamén coa colaboración do Concello de Ponteareas.

Ambas agrupacións agardan que este proxecto poña en valor o traballo das bandas e a que toda a veciñanza tome conciencia “do afortunados que somos todos os que temos a sorte de albergar nas nosas aldeas unha fonte cultural tan importante como é unha banda de música, unha agrupación de teatro, de danza, de pintura ou de calquera outra forma de arte, nos sintamos orgullosos, a defendamos e loitemos por mantela sempre viva”.