A Banda da Loba homenaxea a Xela Arias e pon en valor a lingua galega este venres 10 en Ponteareas

A Banda da Loba homenaxea a Xela Arias e pon en valor a lingua galega este venres 10 en Ponteareas‘X Xela’ será nun espectáculo multidisciplinar con poesía e música na sala multiúsos do auditorio municipal a partir das 20.30 horas

 

A Banda da Loba regresa este venres 10 a Ponteareas con ‘X Xela’, un espectáculo multidisciplinar con poesía e música co que poñer en valor a lingua galega e render homenaxe á escritora, poeta, tradutora e profesora Xela Arias, a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas. A actuación, organizada polo Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra, celebrarase na sala multiúsos do auditorio municipal ás 20.30 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.

 

O público poderá gozar cun evento que xirará arredor da obra da autora Xela Arias combinando a música e a poesía coa fotografía, “ofrecendo un espectáculo dinámico e atractivo para homenaxear a unha poeta singular”, como sinala o concelleiro de Cultura e Lingua Fernando Groba.

 

A parte musical de ‘X Xela’ correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega integrada por cinco mulleres que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura. Nas súas mans estará a musicalización de poemas de Xela Aria que van dende formatos máis tenros ata o punk rock, pasando polo country ou o bolero. A parte fotográfica estará formada por imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de 40 anos de traxectoria. Mentres, á parte poética comisariada por Tamara Andrés poranlle voz Helena Salgueiro, Nuria Vil, Estíbaliz Espinosa e Vanessa Glemsel.

 

Fernando Groba convida a toda a veciñanza a asistir a este encontro “no que a música, a fotografía e a palabra únense para enxalzar e dar a coñecer un pouco máis a figura da poeta lucense”.