A artista e pedagoga Estíbaliz Veiga presenta en Ponteareas “Os golpes non son o que máis cicatriz deixan”

A concellería de Benestar Social e Igualdade e a Deputación de Pontevedra ofrecen ao alumnado de secundaria esta acción escénica no marco do programa “Violencia Zero”

A concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Verónica Carrera, congregará ao alumnado de secundaria este xoves día 9 no auditorio municipal para presentar xunto ao alcalde Xosé Represas e á deputada provincial de Igualdade Isaura Abelairas a acción escénica colaborativa “OS GOLPES non son o que máis cicatriz deixa”.

Enmarcada na campaña da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia Zero” a pedagoga e artista Estíbaliz Veiga presentará ás 11:30 horas unha proposta interactiva, construida pensando na mocidade como público desta acción escénica. Estíbaliz Veiga leva anos traballando na concienciación contra a violencia machista, cun proxecto amplo titulado “Golpes”, levando accións distintas a modo de cápsulas, a centros educativos de toda Galicia, analizando o seu propio traballo de actriz para achegar á mocidade a diferentes métodos do teatro (Stanislavski, Strasberg, Gotowski).

Estíbaiz Veiga presentará unha especie de monólogo (non convencional), reflexivo e interactivo, co fin de concienciar sobre esta lacra social. A representación conta cun apoio audiovisual, que relata unha historia real de violencia machista.

ESTIBALIZ VEIGA: PRESENTADORA / ACTRIZ/ GUIONISTA/ PEDAGOGA TEATRAL

En activo presentadora de UN PAÍS EN 360 TVG. Diplomada en Pedagoxía Teatral pola Universidade da Coruña, formada con Susan Batson ( N.E.), John Strasberg ( N.E.), José Carlos Praza (Madrid), e Macarena Pombo (Madrid). Algúns dos cursos especializados que constan na súa formación continua en activo son: Comedia da arte, Ballet, Equitación, Clown, Mimo, Dobraxe, Voz… En 2002 debuta en televisión para TVG coa serie Avenida de América, (serie diaria, 80 capítulos) e desde entón participa en series de gran audiencia (Serramoura, Pazo de Familia, Fontealba, O Faro, Matalobos…), en “late night shows” (Os Tonechos, Luar…), en series estatais (Oeste, Vivir sen permiso, Homicidios e Piratas; Telecinco; El final del Camino; TVE), en cinema e en máis de 30 curtametraxes. Actualmente rodou con Paco Praza, Quien a Hierro Mata (2018) e está en proceso de formación de novo con John Strasberg. Doutra banda atópase en xira cun monólogo sobre a violencia machista baseado en feitos reais, Golpes (2018, 80 min), apoiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Ao mesmo tempo, traballa impartindo clase de cinema e intelixencia emocional na Universidade de Santiago de Compostela a alumnado de Altas Capacidades e é presentadora, guionista e directora de cinco curtos.