Cristina Fernández Davila e Julio García abordaron os problemas da sanidade pública en Ponteareas e a colaboración municipal para un futuro centro de saúde
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron onte un encontro en Santiago de Compostela no que abordaron os problemas da sanidade pública na localidade e a colaboración municipal para un futuro centro de saúde. O encontro prodúcese unha semana despois da multitudinaria manifestación celebrada en Ponteareas e apoiada polo goberno local demandando á Xunta melloras na sanidade pública.
O encontro celebrado onte é o resultado de varias peticións de reunión reiteradas pola rexedora dende o pasado mes de decembro, que finalmente foron atendidas esta semana.
Cristina Fernández lembrou ao conselleiro os graves problemas polos que atravesa o Centro de Saúde de Ponteareas, entre eles a falta de asignación de médico a 9.000 habitantes polo escaso persoal médico. O conselleiro unicamente se comprometeu a cubrir as prazas da quenda de mañá sen concretar solucións para as da tarde. Na reunión García Comesaña adiantou á alcaldesa a intención da Xunta de crear a nova unidade de saúde mental no Centro de Saúde, unha decisión que Cristina Fernández valorou positivamente “pois se trata dun servizo imprescindíbel polo número de persoas usuarias e que agora se ven obrigadas a acudir a Lavadores en Vigo”.
Respecto á solicitude de colaboración feita pola Consellaría no mes novembro pasado para que o Concello ceda terreos para un futuro Centro de Saúde a alcaldesa reiterou a “nosa disposición total a ceder os terreos necesarios, sabendo que se trata dunha previsión da Xunta sen prazos que o Conselleiro non puido concretar”. Cristina Fernández considera que “agora a prioridade é dotar ao centro actual dos médicos e profesionais que se precisan. Resulta contraditorio falar dun novo centro de saúde cando no actual non se presta a debida atención pola escaseza de persoal”, recalcou a rexedora.
Na carta da Consellaría do mes de novembro unicamente se adiantaba ao Concello que a edificabilidade do novo centro se cifraba en 5.000 metros cadrados construídos. Fernández Davila, que acudiu á reunión acompañada do arquitecto municipal, explicou ao Conselleiro que para ofertar terreos axeitados o Concello necesita saber tamén se o novo centro será complementario do actual ou este quedará en desuso, cal será o número de usuarios e de profesionais do novo centro para calcular as necesidades de estacionamento e as previsións de tráfico rodado, os criterios para determinar a accesibilidade por vieiros das ambulancias e servizos sanitarios, así como as previsións temporais da Xunta para executar o Centro de Saúde unha vez o Concello ceda os terreos. O Conselleiro aclarou que o novo centro substituirá ao actual, que quedará en desuso, pero non concretou en cifras as necesidades de prazas de estacionamento nin o número de profesionais que tería ese novo centro. Respecto á accesibilidade informouse de que a situación máis idónea sería ao pé de estradas da rede primaria, é dicir, estradas estatais, autonómicas ou provinciais. E no relativo aos prazos previstos para construír o novo centro, a partires da cesión do terreo polo Concello, tampouco se deu ningún prazo estimativo.
A alcaldesa explicou que “nos vindeiros días, e cos datos que se nos facilitaron, avaliaremos os posíbeis terreos a ceder, e farémolo coordinadamente cos técnicos da Consellaría”.