A actríz Nieves Rodríguez desvela as súas lembranzas de mocidade nas alfombras florais do Corpus de Ponteareas

dav

O auditorio municipal de Ponteareas abre as súas portas á actriz e presentadora Nieves Rodríguez, pregoeira do Corpus Christi 2018, que dará lectura ao pregón ás 21 horas de mañá sábado día 26.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, presentará a Nieves Rodríguez, veciña do Baixo Miño, como exemplo da grande influencia que ten o sentir do Corpus Christi de Ponteareas que trascende máis aló das fronteiras do noso territorio municipal facendo que a veciñanza das comarcas da área metropolitana se sintan partícipes e orgullosas desta arte floral recoñecida internacionalmente.

“O Corpus Christi e as súa noite de alfombras florais forma parte das lembranzas da infancia de toda a veciñanza da área metropolitana e poucos son os que ao longo da súa vida non teñan unha imaxe familiar e cercana da súa visita ás nosas alfombras. Nieves Rodríguez é unha desas veciñas das comarcas que comparten o noso patrimonio e o noso sentir”, explica o Alcalde Xosé Represas.

Por ser o pobo o propietario e portador desta arte floral, pola súa capacidade de seguila deixando en herdanza xeración tras xeración, pola singularidade da súa confección, polas técnicas que entraña e polos materiais naturais empregados, entre outros moitos motivos, Ponteareas está na recta final para a consecución da declaración BIC (Ben de Interese Cultural Inmaterial).

Unha iniciativa do goberno de Ponteareas que se enmarca dentro dos pasos dunha estratexia que medra co obxectivo de conseguir os merecidos recoñecementos ata chegar ás portas da UNESCO.