O xoves día 9 de agosto chega o Ciclo Naturgy de Cine Itinerante de Verán 2018 a Ponteareas coa proxección da comedia de Santiago Segura “Sin Rodeos”. A actriz e unha das protagonistas da película, Bárbara Santa-Cruz presentará o filme na Feira Vella.
O pase comezará ás 22:00 horas da man de Naturgy, a Fundación Academia de Cine e coa colaboración do concellería de Cultura e Turismo do concello de Ponteareas que dirixe Hortensia Bautista. Esta sesión será de balde ata completar aforo.
A película fala da vida de Paz, encarnada por Maribel Verdú, unha muller angustiada que recurre a un sanador hindú interpretado por Santiago Segura, que lle ofrece unha poción a base de prantas milenarias para liberar a súa tensión. O público do Cine Itinerante de Verán 2018 poderá coñecer as curiosidades e anécdotas da rodaxe con Bárbara Santa-Cruz, Alejandra na película, que ten colaborado en producións como Amar en Tiempos Revueltos, 3 bodas de más, Los amantes Pasajeros e Pagafantas.
O ciclo, que fai a súa sétima parada en Ponteareas, leva as longametraxes do 2017 e dos primeiros meses de 2018 a diversos recunchos da xeografía española. Esta é a súa duodécima edición e xa ten acadado os 52.000 espectadores e espectadoras por máis de 85 cidades.