Ponteareas contará con 18 terminais do sistema de telecomunicacións antisabotaxe

Serán utilizados polos corpos municipais de Policía, Bombeiros e Protección Civil

Q55A0140O Concello de Ponteareas vén de sumarse á Rede Dixital de Emerxencias de Galicia (RESGAL), na que xa están preto dun cento de concellos galegos. Trátase dun dos sistemas máis avanzados do Estado español, posto en marcha pola Xunta de Galicia con financiación europea, e que integra nun mesmo sistema, por vez primeira, a todos os colectivos de emerxencias para facilitar unha intervención máis eficaz e coordinada.

Vigo foi a primeira cidade en adherirse ao sistema de telecomunicacións antisabotaxe xa nos mes de marzo, e agora Ponteareas forma parte dos outros 16 concellos da provincia de Pontevedra que  contarán con este tipo de tecnoloxía.

“Trátase dunha oportunidade que un Concello coma o noso non podía deixar pasar, pois posibilita que os nosos corpos de seguridade, os cales atenden situacións de emerxencias en Ponteareas e tamén noutros concellos da comarca, conten con mellores medios para desenvolver un labor que resulta fundamental”, aseguraron o alcalde ponteareán, Xosé Represas, e a concellerira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández.

A Rede Dixital de Emerxencias de Galicia ofrece un sistema de radio dixital  que garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía móbil se colapsa. Trátase dunha tecnoloxía que posibilita a xeolocalización en tempo real de todos os dispositivos de emerxencia, os envíos de SMS a persoas ou grupos, a consulta de bases de datos ou a gravación de conversas e o encriptado das comunicacións, garantindo así a súa confidencialidade.

Recentemente, varios membros da Policía Local, Corpo Municipal de Bombeiros e Protección Civil participaron nunha xornada formativa sobre a rede corporativa de comunicacións móbiles dixitais de emercencias e seguridade de Galicia, a cal foi impartida na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), situada no Concello da Estrada. Grazas a esta formación adquriron os coñecementos necesarios para utilizar os 18 terminais que pasarán á disposición dos diferentes corpos de seguridade de Ponteareas.