Rogelio Groba regala unha obra exclusiva ao Corpus de Ponteareas

A Marcha das Flores estrearase na vindeira edición do Corpus e serve como agradecemento por parte do compositor ao Concello pola rúa que levará o seu nome a partir do vindeiro 30 de abril

entrega-marcha-das-flores-grobaXosé Represas, alcalde de Ponteareas, e Hortensia Bautista, concelleira de Cultura, recibiron esta mañá, de mans de Rogelio Groba, a obra exclusiva e especialmente dedicada ao Corpus de Ponteareas, A Marcha das Flores, un “agasallo que pretende demostrar o enorme afecto que teño por Ponteareas, un sentimento que sempre preferín amosar máis con actos que con palabras”, tal e como recoñeceu o afamado compositor.

Este “afecto” xa se viu perfectamente reflectido coa realización doutros traballos como a cantata “Corpus en Ponteareas”, elaborada para orquestra sinfónica, ou a obra “Polas rúas de Ponteareas”, deseñada para orquestra de corda, ámbolos dous entregados polo propio Groba ao Concello de Ponteareas en anos anteriores.

A Marcha das Flores é unha obra con ritmo de muiñeira na que a base instrumental é marcada pola percusión. Trátase dun traballo que terá a súa “estrea oficial na vindeira edición do Corpus Christi e que será tocada, cada ano e de maneira exclusiva, na nosa maior festividade”, afirmou o rexedor local, Xosé Represas. A edil de Cultura, Hortensia Baustista, tamén celebrou o feito de que “grazas á xenerosidade do mestre Groba o Corpus teña un punto máis de exclusividade con esta obra”.

entrega-marcha-das-flores-groba-2Ideada para a procesión desta Festa, a entrega por parte de Rogelio Groba da Marcha das Flores ao Concello de Ponteareas tamén é “unha forma de agradecer o inmenso honor que supón para min o feito de que a actual corporación decidira dedicarme unha rúa no meu municipio natal”.

A actual rúa Darío Bugallal, situada ao carón da Casa do Concello, pasará a chamarse, a partir do vindeiro 30 de abril, rúa Rogelio Groba Groba. O acto oficial no que se descubrirá a placa co novo nome dará comezo ás 19:00 horas e contará coa presenza do propio compositor (Fillo Predilecto de Ponteareas) e da Banda de Música Unión de Guláns, que interpretará a música do mestre.