Bases do concurso “Debuxa a Manuel María”, dirixido ao alumnado de 3º, 4º e 5º de Primaria.

 

ANUNCIO

Faise público, para xeral coñecemento, que o  Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Ensino e Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, co obxectivo de difundir a Manuel María, autor homenaxeado co Día das Letras galegas, convoca o concurso “Debuxa a  Manuel María”, dirixido ao alumnado de 3º, 4º e 5º de Primaria.

 

Bases:

 

  1. O concurso ten carácter individual e vai dirixido ao alumnado de 3º, 4º e 5º curso de Ensinanza Primaria dos centros de ensino do Concello de Ponteareas.

 

  1. O concurso terá como obxecto plasmar en galego versos, frases, lemas, ou poemas de Manuel María, que irá acompañado dunha pequena creación artística. O deseño é libre e admítense todas as técnicas de decoración: pinturas, acuarelas, témperas, collage, etc.

 

  1. Os traballos realizaranse en tamaño DIN A-3, e presentaranse dentro dun sobre, ou outro envoltorio, no que aparecerá un seudónimo e o nome do centro de ensino. Dentro deste sobre, irá o seguinte:

 

  • O traballo e ao seu reverso o seudónimo e o nome do centro de ensino.
  • Un sobre pequeno, en cuxo exterior irá o seudónimo e o nome do centro de ensino e, no interior, figurarán os datos de autoría: nome e apelidos, idade, centro de ensino, curso, enderezo de contacto e teléfono. Ademais, xuntaráselle a autorización do pai/ nai/ titor legal así como a copia do DNI ou pasaporte da persoa que autoriza a participación.

 

  1. Os traballos presentaranse no Servizo de Normalización Lingüística, situado no segundo andar da Casa do Concello de Ponteareas.

 

  1. O prazo de presentación remata o día 6 de maio de 2016 ás 14:00 horas.

 

  1. Outorgaranse os seguintes premios:

 

1º Premio: unha táblet, agasallo de Globaltea

2º Premio: vale de compra por valor de 60 euros, agasallo de Casa Pepe

3º Premio: lote regalo, agasallo de Carlín

 

  1. O xurado estará composto polos seguintes membros:

 

  • Secretario/a: a responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, ou persoa en quen delegue, sen voz e sen voto.
  • O/a director/a de cada centro de ensino, ou persoa en quen delegue.

 

Os directores dos centros poderán votar os traballos presentados polo alumnado dos outros centros de ensino pero non os traballos do seu propio centro.

 

A puntuación que poderá outorgar cada centro de ensino a cada traballo irá desde o 5 ata o 10.

 

8.- O xurado xuntarase para facer a votación dos traballos  o día que se determine e o seu fallo é inapelable.

 

  1. Os traballos presentados pasarán a estar expostos nun lugar que determine o concello de Ponteareas, co obxectivo de visibilizar a poesía de Manuel María. Tras o remate da exposición, os traballos serán devoltos aos seus autores.

 

  1. A participación neste concurso implica a aceptación total destas bases e unicamente o Concello de Ponteareas queda facultado para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas.

 

  1. Para participar no concurso é obrigatorio presentar a autorización do pai, nai ou titor legal do menor, na que se incluirá a autorización para a exposición do traballo e dos datos persoais dos participantes naquel espazo que o concello determine, así como a difusión deste e da imaxe do autor por calquera medio, sempre relacionado co concurso. A esta autorización xuntaráselle a fotocopia do DNI ou pasaporte da persoa que autoriza a participación..

 

  1. Os pais, nais ou titores legais responsabilízanse totalmente de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas, nin reclamación ningunha por dereitos de imaxe do menor.

 

  1. As presentes bases publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello de Ponteareas e na páxina web municipal

Anexo coa autorización do pai, nai, titor ou titora para participar no concurso