O Concello organiza, xunto á Irmandade Xurídica da Fala e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, un acto de galeguización xurídica no que se presentará unha placa en honor ao prestixioso xuíz
O 31 de marzo cúmprense 115 anos do nacemento de Fermín Bouza Brey en Ponteareas. Fillo predilecto do Concello, Bouza Brey foi un xuíz que compaxinou a súa traxectoria como xurista cos labores de investigación histórica e creación literaria, chegando a ser membro da Real Academia Galega.
Aproveitando este aniversario, o Concello de Ponteareas organizará, en colaboración coa Irmandade Xurídica Galega e a Secretaría xeral de Política Lingüística, un acto de galeguización xurídica o vindeiro xoves, 31 de marzo, que servirá para presentar un unha placa conmemorativa nas proximidades do Edificio dos Xulgados da vila en honor a Bouza Brey.
A partir das 18:30 horas, o alcalde, Xosé Represas; a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o fiscal da Fiscalía Superior de Galicia e membro da Irmandade Xurídica Galega, Carlos Varela García; e os alcaldes da comarca descubrirán unha placa coa cara de Fermín Bouza Brey e na que se salientará o labor como xuíz e galeguista do que é Fillo Predilecto de Ponteareas dende 1992.
A xornada rematará cunha palestra que terá lugar na Casa do Concello a partir das 19:00 horas e que leva como título “Bouza Brey, xuíz e galeguista”. Nela participarán o propio Carlos Varela García; o secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xosé González Martínez; e a avogada e escritora, Isabel Blanco.
Xosé Represas mostrouse moi satisfeito pola “celebración dunha xornada que permitirá render unha merecida homenaxe ao labor exercido en diversos campos por Fermín Bouza Brey e que permitirá que os alcaldes asistentes asinen un documento no que se recollen os compromisos de galeguización das actividades xurídicas das respectivas corporacións locais. O acto tamén contará coa presenza de avogados e procuradores que exercen no Partido Xudicial de Ponteareas”.