O Obradoiro de emprego foi clausurado coa presentación dunha exposición do traballo feito polo alumnado

O acto tivo lugar na Sala de Conferencias do Auditorio Reveriano Soutullo e contou coa presenza do alcalde, Xosé Represas, e do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís

Q55A0971Dende o 22 de setembro até o 21 de marzo. Seis meses de formación para 20 persoas desempregadas que tiveron a oportunidade de adquirir coñecementos nos eidos de Deseño de Produtos Gráficos e Atención Socio Sanitaria a Persoas no Fogar mentres percibían unha asignación económica. O Centro de Desenvolvemento Local (CDL) de Ponteareas foi a instalación na que se desenvolveron as súas respectivas actividades e a Sala de Conferencias do Auditorio Reveriano Soutullo foi o lugar escollido para clausurar oficialmente esta acción formativa.

O acto contou coa presenza do alcalde e responsable de Emprego en Ponteareas, Xosé Represas, do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, da primeira tenente de alcaldía, Chus Garrote, e da directora do obradoiro, Milagros Calviño, e do xefe territorial de Economía, Traballo e Industria, Ignacio Rial. Serviu, asemade, para presentar “Exponte”, unha exposición dos traballos realizados ao longo destes 6 últimos meses polos alumnos e alumnas da especialidade en Deseño de Produtos de Gráficos. A guía do patrimonio histórico de Ponteareas ou os moitos carteis relacionados con diversos eventos organizados polo Concello serán só unha mostra do labor feito polo alumnado que se poderá ver no Auditorio durante un tempo aproximado de 1 semana.

Calviño agradeceu o labor de “todos os alumnos e alumnas, da titora, dos tres docentes e do administrativo que traballaron durante estes meses na organización do obradoiro”, ao mesmo tempo que lamentou “a escasa duración do mesmo, pois 6 meses son insuficientes para desenvolver accións formativas deste tipo”. Calviño non quixo esquecer “o formidable labor de todos os traballadores municipais, nin tampouco a continua colaboración prestada polos edís de Comercio, Mario Lago, e de Cultura, Hortensia Bautista.clausura-obradoiro-2

O rexedor municipal, Xosé Represas, tamén se laiou do pouco tempo que teñen os mestres “para ensinar todos os coñecementos”, e expresou o desexo de que “a duración destes obradoiros de emprego volva ser de 1 ano”. Represas lembrou que o Concello xa solicitou “unha subvención por valor de 382.000 euros para desenvolver un obradoiro que permita dar cabida a 45 persoas desempregadas do municipio”. Unha solicitude baseada nun proxecto que “amosa a profesionalidade dos nosos servizos municipais” e que, de ser concedido pola Xunta, posibilitaría que 15 persoas se formaran no eido da atención socio sanitaria no fogar, outras 15 persoas en labores e fábricas de albanelería e 15 persoas máis no ámbito da dinamización e dirección de actividade de tempo libre e educativo. O alcalde ponteareán non quixo desaproveitar a ocasión para agradecer ao delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra a súa presenza na clausura do obradoiro de emprego de Ponteareas.

Pola súa banda, Cores Tourís felicitou aos estudantes polo seu labor realizado nestes últimos meses e recoñeceu “a idoneidade de facer este tipo de obradoiros en prazos de 1 ano”. O delegado da Xunta en Pontevedra recoñeceu que “cada vez son máis os concellos que elaboran proxectos para optar a este tipo de obradoiros” e desexou que Ponteareas, “despois de varios anos sen contar con el, repita este ano cunha nova concesión”.

O obradoiro que hoxe se clausurou contou cun financiamento de case 200.000 euros aportados conxuntamente pola Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas.