Cine, teatro, música e conferencias para celebrar o Día Internacional da Muller

As concellerías de Igualdade e Cultura organizan unha completa programación que comeza o sábado 5 de marzo

todas-somos-traballadorasO Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo, estará rodeado dunha exhaustiva e variada programación destinada a “informar e concienciar da importancia histórica da muller nos distintos ámbitos da sociedade e da necesidade de continuar coa loita que permita acadar unha verdadeira igualdade entre sexos en todos este eidos”, tal e como explica a responsable de Igualdade en Ponteareas, Verónica Carrera.

O programa de actividades, organizado polas concellerías de Igualdade, xestionada por Verónica Carrera, e de Cultura, dirixida por Hortensia Bautista, dará comezo o sábado 5 de marzo, ás 18:30 horas, coa proxección do filme infantil Brave, no que a protagonista amosa valentía e talento competindo na modalidade do tiro con arco, no que até o momento do seu concurso só participaban homes. A película será proxectada no Auditorio Reveriano Soutullo.

O domingo 6 de marzo, tamén no Auditorio Municipal e partir das 19:00 horas, terá lugar a interpretación da obra de teatro 30 e tantos ósos, da compañía Aporía Escénica. Trátase dunha peza que, en palabras da propia compañía, está “estruturada en cinco cadros que pretenden facer un percorrido metafórico por toda unha vida para poder atopar as chaves que permitan desfacernos de todos os medos, condicionantes e ataduras sociais que nos impiden expresarnos con liberdade, recuperar o noso potencial, desterrar a obediencia e a submisión facendo fincapé naquelas ataduras que arrastramos polo feito de ter nacido mulleres nunha sociedade patriarcal ata a médula”. A entrada a este espectáculo terá un prezo de 3 euros. A obra se representará tamén o luns 7 de marzo ás 11:30 horas para o alumnado de ESO e Bacharelato, desta volta de balde.

A partir da semana que vén a concellería de Igualdade organizará diversos actos que terán como punto de partida o propio 8 de marzo, Día internacional da Muller. Esta xornada servirá para que os alumnos e as alumnas dos institutos Val do Tea e Pedra da Auga lean un manifesto elaborado por eles mesmos diante da Casa do Concello a partir das 12:45 horas, ademais de ofrecer diferentes relatos, algúns deles en formato rap, a todas as persoas que decidan achegarse. Un acto que tamén servirá para gozar dunha interpretación musical que correrá a cargo dos alumnos e alumnas do Conservatorio Municipal.

O venres 11 de marzo, a partir das 19:00 horas, o enfermeiro do Centro de Saúde de Ponteareas, Nemesio Boente, e a médico no Centro de Saúde de Sárdoma, María Concepción Cruces, dirixirán unha charla-coloquio titulada “Saúde na Muller”.todas-somos-traballadoras

O sábado 12 de marzo será a quenda das comunidade de montes, “necesarias para entender a realidade do noso país e tamén de Ponteareas”, asegura Carrera. A charla-coloquio denominada “O papel da muller nas comunidades de Montes” contará coa participación de Araceli Freire, Doutora en Historia Contemporánea; Amelia González, presidenta da comunidade de Montes de Fontenla; e María Xesús Rodríguez, presidenta da comunidade de montes de Ponteareas. Terá lugar no Auditorio Reveriano Soutullo a partir das 18:00 horas.

Por último, o domingo 13 de marzo, tamén no Auditorio a partir das 18:00 horas, será o momento de homenaxear a distintas mulleres ponteareás cuxo papel destaca ou destacou por diferentes motivos. Este derradeiro acto contará tamén cunha actuación musical e permitirá render homenaxe a mulleres que foron propostas por diferentes asociacións e colectivos sociais, tanto da vila como de diferentes parroquias.

Agás a obra de teatro 30 e tantos ósos, cuxa entrada terá un prezo de 3 euros, o resto das actividades son gratuítas.