Ponteareas investirá máis de 730.000 euros na mellora de diferentes infraestruturas

As obras serán financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación e a maior partida é a destinada á humanización do Paseo Matutino

concello-noiteO Concello de Ponteareas investirá un total de 732.816,93 euros en infraestruturas ao longo deste ano 2016. As obras serán financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e a cantidade prevista fai parte dos 1.111.000 euros que o organismo provincial investirá ao longo de todo este exercicio en Ponteareas.

A partida máis cuantiosa ten que ver coa humanización da rúa Paseo Matutino, cuxo importe supera os 199.000 euros e permitirá “dunha vez por todas, realizar os traballos necesarios para adecuar unha das rúas máis transitadas do casco urbano aos tempos actuais, con espazos máis amplos para os peóns e co obxectivo de favorecer o sector comercial e hostaleiro”, sinalou o alcalde, Xosé Represas, despois de que o documento que especifica as diferentes obras solicitadas á Deputación fora aprobado pola Xunta de Goberno Local.

A obra do Paseo Matutino “era un compromiso adquirido por parte do goberno coa veciñanza desta rúa o pasado mes de setembro”, sinalou a responsable de Vías e Obras, Chus Garrote, cando todas as persoas afectadas foron convocadas a unha reunión para explicarlles, con todo detalle, os motivos do adiamento duns traballos que estaban previstos para o 2015 pero que “informes urbanísticos e xurídicos desfavorables impediron levar a cabo ata a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación (PXOM), unha imposibilidade que xa era coñecida polo anterior goberno o 5 de febreiro de 2015, e que foi a que motivou que os informes técnicos impediran a súa contratación naquel momento por parte do anterior alcalde, Salvador González Solla”.

 

O proxecto desta obra proxectada polo anterior goberno, como indica a memoria técnica, consiste en completar a rede de beirarrúas do Paseo Matutino no tramo comprendido entre rúa Castañal e rúa Lamazáns. Unha vez aprobado definitivamente o PXOM pola Xunta de Galicia, o goberno local tamén contempla mellorar o resto da rúa.

 

Saneamento e abastecemento

As obras demandadas polo goberno local tamén contemplan o saneamento e abastecemento de distintas zonas do municipio. Son os casos do barrio da Igrexa, na parroquia de Arcos, que permitirá dotar de saneamento á Casa Cultural (36.214, 09 euros); da ampliación do abastecemento de auga no barrio do Cruceiro, na parroquia de San Mateo de Oliveira (78.010,79 euros), que dotará deste servizo a aproximadamente 18 vivendas; e dos traballos para abastecer de auga a 8 vivendas no barrio da Ribeira do Río, na parroquia de Moreira (57.477,64 euros). Trátanse de actuacións esenciais que permitirán dotar a estas familias, por primeira vez, destes servizos.

Outras actuacións teñen que ver coa reposición do saneamento existente na rúa Rogelio Groba (29.675,73 euros) outra das obras de saneamento é nas inmediacións do IES Val Do Tea (37.518,61 euros) e na rúa A Braña (53.114, 64 euros) que inclúe outras reparacións no entorno desta rúa. Con estas obras de saneamento no núcleo urbano o goberno local quere acabar co desastre actual que ten provocado, entre outras cousas, inundacións por augas residuais en garaxes, baixos conerciais ou incluso no patio do IES Pedra Da Auga, onde “quedara patente o absoluto abandono que o anterior goberno local tiña sobre as instalacións de saneamento, deixando tuberías rotas e encharcamentos de augas fecais baixo algunhas rúas”.

 

Outras melloras

O concello prevé a execución de traballos de mellora da seguridade viaria nas parroquias de Areas e Arnoso (35.878,59 euros), de Canedo (50.000 euros) e de Ponteareas, coa sinalización e pintado de rúas (34.580 euros) ademais de obras de melloramento en instalacións municipais como a Escola Infantil (30.000 euros) ou o Conservatorio (32.555, 81 euros). A área recreativa da Freixa tamén será obxecto de mellora con traballos de acondicionamento de varias zonas da mesma.