Represas e Carrera reúnense co conselleiro de Política Social

José Manuel Rey Varela recibirá en San Caetano aos edís ponteareáns o xoves 4 de febreiro

vero-pepeXosé Represas, alcalde de Ponteareas, e Verónica Carrera, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, manterán un encontro co conselleiro da Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela, o xoves 4 de febreiro a partir das 17:00 horas no Edificio Administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela.

A reunión servirá para tratar algunhas cuestións urxentes como o traspaso da competencia da Residencia de Maiores Santa Ana á Xunta de Galicia ou a construción dunha Escola Infantil que se adhira á rede autonómica de Escolas Infantís, situación esta que vén de iniciar o seu proceso de desbloqueo grazas á aprobación provisional do PXOM por parte da corporación municipal, o cal prevé unha parcela dotacional para o desenvolvemento desta instalación.

A xuntanza tamén dará para repasar outros temas pendentes en materia social en Ponteareas e para coñecer as liñas de actuación que manterá a Consellería de Política Social no ano 2016.