Ponteareas inicia un obradoiro que permitirá que 20 veciños e veciñas da vila se formen ao mesmo tempo que cobran unha asignación económica

A presentación tivo lugar no Centro de Desenvolvemento Local do concello e contou coa presenza do alcalde, Xosé Represas, da primeira tenente de alcalde, Chus Garrote, da secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz e outros membros da corporación e do goberno local

Este obradoiro de emprego permitirá que estas persoas se formen nos eidos de atención socio sanitaria e deseño gráfico durante os próximos 6 meses e está financiado conxuntamente pola Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas

O alcalde ponteareán adquiriu o compromiso de destinar cada ano a partida económica necesaria para que os Concello poidan contar nos vindeiros catro anos con obradoiros de emprego

Q55A5707

De esquerda a dereita: Milagros Calviño, directora do obradoiro; Xosé Represas, alcalde de Ponteareas; Ana Ortiz, secretaria da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra; e Manuel Martínez, director do Centro de Desenvolvemento Local

O Centro de Desenvolvemento Local do Concello de Ponteareas foi testemuña da presentación oficial dun obradoiro de emprego que conta cun investimento de case 220.000 euros, asumidos conxuntamente pola Xunta de Galicia e o propio concello, e que permitirá que 20 veciños e veciñas da vila se formen durante os próximos seis meses e, asemade, gocen dunha asignación económica durante este período de formación. Estas 20 persoas serán contratadas polo propio consistorio a través de contratos de formación e cobrarán o salario mínimo interprofesional.

O obradoiro denomínase “Compromiso Social e Coñecer Ponteareas” e está dividido en dúas especialidades. A primeira delas permitirá que dez persoas adquiran coñecementos no eido socio sanitario e dotará aos alumnos de competencias de axuda no fogar a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social. A segunda permitirá que as persoas participantes aprendan a desenvolver proxectos gráficos a partir das especificacións iniciais do produto, elaborando maquetas, seleccionando cores, imaxes e fontes tipográficas, ademais de utilizar ferramentas informáticas e realizar orzamentos en función das características do proxecto.

Xosé Represas agradeceu a presenza da secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, asegurou que “pediremos á Xunta de Galicia que colabore á hora de poñer á nosa disposición estes obradoiros de emprego para que nestes catro anos poidamos contar, cada ano, cun novo obradoiro, ben relacionado con estas áreas ou ben cos eidos medioambiental e coa recuperación do patrimonio”. Trátase da primeira vez en cinco anos que Ponteareas pon en marcha un obradoiro deste tipo, polo que o alcalde ponteareán concluíu co “compromiso de destinar cada ano a partida económica necesaria para financiar a parte do custo do obradoiro a cargo do Concello”.

Pola súa banda, Ana Ortiz, “salientou que este tipo de obradoiros teñen unha alta porcentaxe de inserción laboral unha vez rematada a formación”, polo que “desexou que continúe sendo así con esta edición.