51 alumnos do centro Asprodico recibiron emocionados os seus diplomas ao remate do curso

asprodico-diplomas-2O alcalde do Concello de Ponteareas, Xosé Represas, acompañado da concelleira de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, Verónica Carrera, xunto ao director e os profesores do centro de Diminuído Psíquicos Asprodico de Ponteareas, Aurelio Otero, Mª Carmen Fernández, Ana Belén Fernández e Rocío Márquez, entregaron ao alumnado dos obradoiros ocupacionais, Educación de Adultos e de preparación das probas libres da ESO, os seus diplomas de aproveitamento pola súa participación durante todo o ano nos devanditos cursos.

O acto de entrega de diplomas tivo lugar este luns, día 22 de xuño, ás 13 horas no Salón de Sesións da Casa do Concello de Ponteareas, onde acompañados polos seus profesores recibiron emocionados os diplomas acreditativos do seu aproveitamento durante todo o curso escolar.

A concelleira da área, Verónica Carrera, comezou a súa intervención felicitando aos protagonistas, o alumnado dos distintos cursos, polo traballo e tesón levado a cabo día a día para mellorar, formarse e, en definitiva, no caso dos alumnos dos obradoiros ocupacionais, para conseguir autonomía persoal e social e, no caso do alumnado de probas libres de ESO e Educación de Adultos, para lograr acadar aquelas metas que, por diversos motivos, non puideron lograr no seu día, felicitándoos e animándoos a todos eles a seguir polo camiño do crecemento persoal. Fixo extensivos tamén os parabéns ás familias do alumnado por apoialos en todo o necesario así como ao equipo docente e ao director de Asprodico polo labor desenvolvido.asprodico-diplomas-1

Pechou o acto o rexedor Ponteareán, Xosé Represas, quen destacou neste acto o traballo desenvolvido polo alumnado e profesorado ao longo de todo este ano, así como manifestou a importancia destas accións formativas, necesarias e imprescindibles, de grande demanda pola sociedade, poñendo de manifesto o compromiso do goberno local de impulsalas. Ao mesmo tempo, amosou a súa disposición e a da concelleira de área, para calquera suxestión e, se é posible, mellorar este servizo que se lle ofrece á cidadanía coa finalidade de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ponteareas. Por último, quixo tamén felicitar ás familias polo labor de apoio que día a día desenvolven e animounos a todos a seguir pola senda marcada.

Ademais, desde a Concellería de Benestar Benestar Social, Igualdade e Mocidade infórmase que, como remate de fin de curso, o alumnado dos talleres ocupacionais levarán a cabo este martes, día 23, unha saída pedagóxica aos muíños de Barosa, en Barro, durante todo o día, no que coñecerán este elemento etnográfico e no que participarán nun obradoiro de panadería cuxo obxectivo é achegar o alumnado á forma tradicional de facer o pan e o funcionamento do muíño, así como participar activamente desta actividade, acendendo o forno e amasando o trigo e o millo.