17 comparsas participarán no desfile de entroido de Ponteareas

2014021511502977427O desfile de comparsas de Entroido contará con máis de 700 persoas desfilando polas rúas da vila  de Ponteareas, feito que obriga ao Concello a introducir cambios no percorrido inicialmente previsto.

Dado que se pasou dunha participación de  10 ou 11 comparsas  nos últimos anos  a un total de 17 comparsas inscritas nesta edicción, o concelleiro de Cultura,  Andrés Sampedro Fernández,  acordou  cos representantes das comparsas modificar e facer máis grande o percorrido que terán que realizar as comparsas o domingo día 2  de marzo. Deste xeito, a saída será, como de costume, dende diante da Casa do Concello percorrendo as rúas: Constitución, Praza de Bugallal, Oriente, Praza Maior, Arxentina, Doutor Fernández de la Vega, Reveriano Soutullo, Constitución, Praza de Bugallal, Oriente e remate na Praza Maior onde se procederá á lectura das coplas.

Compre lembrar que, de acordo coas bases,  cada comparsa percibirá 200 euros en concepto de participación e  establécense  os seguintes premios: 1º premio de 500 euros;  2º premio de 300 euros; 3º premio de 200 euros e  4º premio de 100 euros.

O Concello de Ponteareas  tamén concederá un premio especial de 300 euros á mellor comparsa en representación das parroquias  de Ponteareas.

O  xurado do concurso de comparsas de Ponteareas estará integrado por un representante de cada unha das comparsas inscritas, un representante da  Asociación de Comerciantes de Ponteareas, un representante da Asociación de Comerciantes Vila do Tea  e un representante da Asociación de Hosteleiros de Ponteareas.