16 comparsas participarán no desfile de entroido que terá lugar o sábado, día 8 de marzo en Ponteareas

imagesO desfile de comparsas do Entroido, finalmente,  terá lugar o sábado día  8 de marzo a partir das 19:00 horas. Neste desfile confirmaron a súa participación 16 comparsas, das cales,  9 pertencen ao casco ubano de Ponteareas e  7 veñen dende as parroquias.

En representación do casco urbano de Ponteareas veñen; “Ponte nas Vegas”, “Pontesolidarío”, “Confarsa Monicipal”, “Esquimalia”,  “Área de Danza do CDM”, “Los Chefs del Ramiro Sabell”, El Sofrito del Ramiro Sabell”, “AA VV de San Vicente e Canedo” e  “Festival das Brétemas”

En representación das parroquias este ano asisten: “Parchis de Arcos”, “ O Circo de San Mateo”, “Escarabellos Peloteiros do CC Antorcha de Cristiñade” “Las Vacas Locas de Angoares”, “Prado Sobre  Rodas”, “O Circo de Padróns” e “Veni, vidi, vici de Xinzo.

Dado que algunha das carrozas conta con máis de cen persoas desfilando,  este ano o desfile de comparsas de entroido contará con  preto de 1.000 persoas desfilando polas rúas da vila  de Ponteareas e obriga ao Concello a introducir cambios no percorrido inicialmente previsto.

Deste xeito, a saída será, como de costume, dende diante da Casa do Concello percorrendo as rúas: Constitución, Praza de Bugallal, Oriente, Praza Maior, Arxentina, Doutor Fernández de la Vega, Reveriano Soutullo, Constitución, Praza de Bugallal, Oriente e remate na Praza Maior onde se procederá á lectura das coplas.

Compre lembrar que, de acordo coas bases,  cada comparsa percibirá 200 euros en concepto de participación e  establécense  os seguintes premios: 1º premio de 500 euros;  2º premio de 300 euros; 3º premio de 200 euros e  4º premio de 100 euros.

O Concello de Ponteareas  tamén concederá un premio especial de 300 euros á mellor comparsa en representación das parroquias  de Ponteareas.

O  xurado do concurso de comparsas de Ponteareas estará integrado por un representante de cada unha das comparsas inscritas, un representante da  Asociación de Comerciantes de Ponteareas, un representante da Asociación de Comerciantes Vila do Tea  e un representante da Asociación de Hosteleiros de Ponteareas.