140 veciños de Ponteareas e As Neves recibiron formación en emprego dual dende 2015

140 veciños de Ponteareas e As Neves recibiron formación en emprego dual dende 2015

 

O Concello da vila do Tea contratou a 48 destas persoas despois de rematar os cursos que financia a Xunta de Galicia

 

Xa son 140 veciños de Ponteareas e As Neves os que pasaron polas aulas de formación dual da vila do Tea dende 2015. Así o afirmou hoxe a alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila, durante o acto de clausura dos obradoiros de emprego “Coidar de Nós III”, ao que asistiu xunto a concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, a Xefa Territorial de Emprego e Igualdade de Pontevedra, Marta Mariño, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Méndez, e a dirección do Centro de Desenvolvemento Local do municipio e do obradoiro.

 

Durante o acto, a alcaldesa deu aos parabéns ao profesorado e ao alumnado e afirmou estar “segura de que este obradoiro vaivos servir para facilitar a vosa integración no mundo laboral con novas saídas profesionais”. Estes obradoiros son unha mostra máis da aposta do Concello de Ponteareas pola mellora laboral e persoal da veciñanza, ademais de ser un “exemplo claro” do que supón a colaboración entre distintas administracións públicas “traballando de xeito coordinado na consecución duns obxectivos claro”, neste caso Concello e Xunta de Galicia.

 

A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, tamén aproveitou o acto para mostrar que o Concello tamén trata de ser “unha saída laboral para o alumnado do obradoiro”, e afirmou que dende 2015 se contrataron a 48 alumnos e alumnas. A edil agradeceu as palabras da Xefa Territorial cando “destacou o papel importante dos concellos la elección dos obradoiros”, e engadiu que a Concellaría “elixeos en función da empregabilidade posible que actualmente está en máis dun 90 %”. Ademais durante os últimos anos xa se realizaron sete proxectos e Ponteareas acadou unha subvención de importe superior aos dous millóns de euros.

 

Finalmente a alcaldesa pechou o acto desexando a todos e a todas “unha rápida oportunidade de atopar emprego e así poder aplicar canto antes os coñecementos que levades adquiridos durante todos estes meses”.