O Concello de Ponteareas, reclama á Educación as obras para eliminar as humidades nas aulas de primaria no CEIP “Nosa Sra. dos Remedios”

A Concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, mantivo unha reunión co Xefe Territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, para concretar as obras deste verán

O pasado xoves, Cristina Fernández Davila, Concelleira de Ensino do Concello de Ponteareas e César Pérez Ares, Xefe Territorial de Educación da Xunta de Galicia, mantiveron unha reunión en Pontevedra coa finalidade de concretar as obras a realizar este verán, obras xa previstas no Convenio de colaboración asinado entre as dúas Administracións, para mellorar as instalacións educativas dos Centros de Primaria de Ponteareas.

reunión

Unha das actuacións prioritarias exposta pola edil ponteareán foron as obras que de maneira urxente é preciso acometer no CEIP “Nosa Sra. Dos Remedios” para rematar cos graves problemas de humidades que teñen algunhas das aulas do edificio de primaria. Éstas consistirían no saneamento dunha zona do tellado, revisión dos canalóns de recollida de augas, reparación das soleiras das ventás do edificio, e probablemente o selado dunha das fachadas de ladrillo caravista. “É fundamental que esta acción se faga á maior brevidade posible por parte da Consellería, xa que o compromiso do Concello é colaborar no pintado do edificio de primaria, traballo  que non se pode acometer sen realizar primeiro as reparacións para eliminar as humidades e as dúas obras deberán estar finalizadas a comezos de setembro” aclara Cristina Fernández.

Pola súa parte, o Xefe Territorial, César Pérez Ares, mostrou o seu interese por solucionar estes problemas do citado Centro, e valorou positivamente que se lle fixera chegar esta petición con tempo suficiente para incluíla nas actuacións máis inmediatas. O primeiro paso a dar por parte da Xunta será visitar as instalacións do Colexio e facer un estudo técnico das actuacións que se deben acometer.

Nesta mesma reunión Cristina Fernández interesouse polo comenzo das obras do Taller de Automoción do IES “Pedra da Auga”, e tamén abordaron outros temas como a implantación de novos Ciclos Formativos en Ponteareas, dos que C. Pérez Ares é coñecedor de primeira man, e a xestión do Comedor Escolar do Fermín Bouza Brey por parte do Concello.