104 nenas e nenos inician o luns 14 o curso na Escola Infantil Municipal de Ponteareas baixo estrictas normas de seguridade

A concellaría de Benestar Social e Igualdade solicita a colaboración das familias para garantir un espazo seguro e saúdabel

A concelleira de Benestar Social e Igualdade do concello de Ponteareas, Verónica Carrera, informa do inicio do curso escolar 2020-2021 na escola infantil municipal o vindeiro luns 14 de setembro. Inician o curso un total de 104 nenas e nenos. Por idades, 50 son da etapa 2-3 anos, 43 de 1-2 anos e só 11 no grupo de 0-1 anos. A situación da pandemia condicionou a decisión das familias dos máis cativos, de aí o menor número de nenos e nenas da etapa de 0-1 ano. A Directora da Escola e as educadoras xa trasladaron ás familias o novo protocolo para o comezo do curso. Tendo en conta as novas normativas e recomendacións sanitarias e de seguridade ante a COVID-19 e baseándose no protocolo achegado pola Xunta de Galicia, a concellaría deseñou un documento específico para a escola infantil municipal para así poder adaptar dende unha perspectiva máis real o protocolo da Xunta.

 

Entre as medidas que adoptou a escola infantil está a creación de grupos estables de convivencia e eliminación do espazo de comedor pasando a xantar nas propias aulas para así reducir os riscos.

 

No protocolo de actuación contémplase, entre outros aspectos, o momento de entrada na escola que se realizará de xeito escalonado sendo un único adulto o que acompañe ao cativo/a e tendo que levarse de volta para o fogar o calzado e o abrigo do mesmo. A concellería facilitará un espazo seguro para o momento de desvestir ao pequeno/a e calzado exclusivo para utilizar dentro da escola. O adulto que se achegue ao centro deberá levar mascariña e manter as distancias de seguridade respecto ao persoal e ao resto dos usuarios e usuarias.

 

O material facilitado polas familias deberá ser desinfectado antes de entregalo ao persoal debidamente marcado, lavado e pechado en bolsas de plástico evitando que saian do centro. Os carriños tampouco poderán ser deixados na escola infantil.

 

Os nenos e nenas que teñan síntomas aínda que sexan leves non deberán acudir e as familias deberán tomar a temperatura dos seus fillos e fillas antes de levalos á escola. Os e as que teñan febre a partir de 37,5º , tose ou síntomas de dificultade respiratoria tampouco deben acudir.

As familias non pasarán ao interior da escola, salvo por indicación do persoal.

 

Verónica Carrera e a dirección do centro pregan a máxima puntualidade e axilidade no momento da chegada e da entrega nos horarios que marcará o centro e así, entre todos, garantir un espazo de convivencia sano e seguro.

 

“Pola ben de todas as familias e para que o servizo da escola infantil municipal poida desenvolverse coa maior normalidade será decisiva a colaboración de todas e de todos, facendo un exercizo de responsabilidade extremo para protexer a saúde das nosa pequenas e pequenos”.

 

A concelleira apela á paciencia e comprensión das familias sendo consciente do esforzo que suporá para a conciliación familiar e laboral ter aos fillos e fillas na casa á mínima sospeita de COVID-19.

 

“Máis ca nunca estamos a realizar todos os esforzos precisos para ofrecer un servizo de máxima calidade, tendo neste curso un centro máis confortable ao estar xa a piques de rematar as obras de eficiencia enerxética”.

 

A Escola Infantil municipal é un servizo que depende do Concello de Ponteareas e non da Xunta de Galicia que é a administración que está obrigada a asumir estas competencias. A Xunta de Galicia únicamente aporta 42.000 euros ao ano, segundo os datos da contabilidade municipal de 2019. As familias aportan 67.860,46 €, e o Concello, con cargo aos fondos propios , 466.028,21€ ata completar o coste total de 575.888,67 euros